10 de mar. de 2013

Alternativas democráticas

A toma (The Take) é un documental de 2004 realizado por Naomi Klein e dirixido por Avi Lewis. Conta a historia de traballadores de Arxentina que reclaman o control das plantas industriais pechadas, nas que unha vez traballaran, para convertelas en cooperativas.
            Os feitos, a perspectiva da mirada sobre eles, a alternativa que representa, a relación cos nosos problemas actuais... conducen inevitablemente a unha reflexión sobre o modelo democrático no que vivimos. Que esa reflexión sexa libre, sexa ampla, sexa a túa.


7 de mar. de 2013

Educación ou adoutrinamento?




Avram Noam Chomsky  (7 de decembro de 1928 en Filadelfia, Estados Unidos) é un lingüista, filósofo, activista, autor e analista político xudeu estadounidense. É profesor emérito de Lingüística no MIT e unha das figuras máis destacadas da lingüística do século XX, é sumamente recoñecido na comunidade científica e académica polos seus importantes traballos en teoría lingüística e ciencia cognitiva.

Educación recortable

pedro-olalla (31 de Octubre, 2012)  

EDUCACIÓN RECORTABLE

 Aínda que os gastos en educación non son en absoluto a causa da "crise", os recortes en educación si son, inexorablemente, a súa máis inmediata consecuencia.  Como se xustifica isto? De ningún modo que poida resultar aceptable. No caso de Grecia, o orzamento anual de educación non chega nin, tan sequera, para pagar os intereses dun par de meses de suposta "débeda". Isto indica dúas cousas; unha: que, aínda que se suprimise por completo o presuposto de educación, pouco podería facerse fronte ao pagamento; e dúas: que a orixe desa avultada "débeda" non podería nunca ser atribuída aos excesos no orzamento de educación. Porén -tanto en Grecia como en España-, se hai que recortar, recórtase en educación; e se se recorta en educación, empézase sempre polas humanidades.

Descartada a rendibilidade económica desta medida, só queda pensar na rendibilidade estratéxica. Esa si que está clara. No actual plan de privatización da riqueza nacional, do desmantelamento do estado social e do debilitamento progresivo do proxecto de democracia, a educación de calidade sobra por completo. Abonda cuns rudimentos de índole instrumental que permitan gardar as aparencias. Toda educación orientada ao desenvolvemento integral da persoa e ao potenciamento das súas calidades discursivas e críticas vai en contra dos intereses dominantes. Por iso, sobra educación, e sobran especialmente as humanidades.

Así pois, ante esta situación de desatino, fai falta de novo saír en defensa do obvio, insistir unha vez máis na necesidade profunda das humanidades. Poderían achegarse numerosas razóns para defender a presenza destes coñecementos e esta actitude no mundo, pero referirei tan só unha que considero suficiente para quedaren escusadas todas as demais. O cultivo da actitude humanista é fundamental en toda sociedade, porque desa actitude emana a ética; e sen ética, non hai conquistas nin progreso: só abuso, só caos. O exercicio da ética -que non ten que ver co acatamento sumiso dun código moral establecido- facúltanos para elixir consciente e responsablemente entre un comportamento e outro, é dicir, facúltanos para a liberdade. Sen ética non hai liberdade posible; nin tampouco esperemos democracia, nin xustiza, nin política, nin solidariedade. Nada diso é posible sen as humanidades, sen unha formación que dea profundidade e perspectiva á vontade humana, sen un adestramento na argumentación e no discurso, sen artes para defender o pensamento.

Quen recorta sábeo.  Que é o primeiro que se apresura a cortar a rentes calquera réxime totalitario?: a liberdade de pensamento e de expresión. Cales son, en verdade, as intencións dun sistema que avogue por deixar de cultivar esta actitude e esta potencia nos nenos e nos homes?  Sobre que humanidade desexa gobernar un sistema que tenda a limitar progresivamente ese espazo humanista?  Rexeitando as humanidades deixamos vía libre á lei do máis forte, a que os máis poderosos e menos escrupulosos manden sobre unha masa ignara e impotente. E esa perspectiva non carece de adeptos.

Día a día, en nome da "crise", retroceden a historia, a filosofía, a filoloxía, as artes, a formación da cidadanía, e prospera un desprezo e unha desafección particular pola cultura clásica, polo latín e o grego, as dúas linguas que, dende hai milenios, achegan sen fatiga a materia prima do noso pensamento. Asi pois, teñamos unha cousa clara: os recortes en educación non son para economizar recursos, senón para atallar a disidencia.